Esta mañá o alcalde de Ames, Jose Miñones, e representantes da empresa IPLAN Movilidad SL, asinaron o contrato para a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do Concello de Ames. A dita xuntanza tamén acudiu a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez. Este servizo foi adxudicado o pasado 4 de febreiro por un importe de 58.499,87 euros. O prazo de execución que ten dita empresa para a redacción do PMUS é de 6 meses. Dito documento servirá de guía para levar a cabo actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade a realizar no futuro neste municipio. O contrato forma parte do programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público, recollido na EDUSI Impulsa Ames.

Nas últimas dúas décadas o concello de Ames experimentou un forte incremento poboacional, tanto nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns como nas parroquias, especialmente as situadas no sur do municipio: Biduído, Bugallido, Ortoño, Ames e Cobas, así como o desenvolvemento e consolidación de diversas urbanizacións. Todo iso, unido á proximidade coa capital de Galicia, supón un importante proceso de transformación dos asentamentos, os espazos públicos, os fluxos, as conexións e os desprazamentos entre núcleos dentro e fóra do propio termo municipal.

O conxunto require dunha análise exhaustiva encamiñada a conseguir a racionalización, programación e realización de actuacións que melloren a vida dos cidadáns e das cidadás e que lle dean solucións aos problemas de mobilidade, accesibilidade e seguridade xurdidos co propostas no marco dun desenvolvemento sostible e de mellora do medio ambiente. As propostas deberán promover o crecemento, a competitividade, o emprego, a inclusión social e a igualdade entre homes e mulleres.

Esta será a primeira vez que Ames terá un Plan de mobilidade, peza indispensable para a reordenación do tráfico e o desenvolvemento urbano dos núcleos. A implementación de rúas de dirección única e novos espazos de aparcamento serán aspectos importantes a salientar no plan a redactar. O Concello espera ter no 2021 o novo Plan que lle permita actuar sobre a liña do transporte de viaxeiros, xa que o mesmo plan deberá incluír un estudo sobre a posible implantación dun sistema de transporte municipal sostenible entre Bertamiráns e O Milladoiro; así como un sistema de transporte a demanda para conectar o rural cos principais núcleos do concello de Ames.

Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O servizo de redacción do PEMUS está incluído dentro do Obxectivo Temático 4 de Cambio climático, da EDUSI Impulsa Ames, dirixido a “Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores”. Concretamente enmárcase na liña de actución número 4: programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público.

 

Obxectivos estratéxicos

 

O plan de mobilidade integral e sostible que a empresa IPLAN Movilidad SL terá que elaborar para Ames debe responder a varios obxectivos estratéxicos. Por unha banda terá que favorecer a integración e o acceso aos servizos en igualdade de condicións de todas as persoas que residen no concello e terá que minimizar as diferenzas entre os distintos entornos. Ademais haberá de dar solucións orientadas tanto á redución do consumo enerxético e da pegada de carbono do municipio, buscando a eficiencia tanto nos desprazamentos, a través dun funcionamento estrutural da área urbana menos monocéntrico, como na xestión enerxética das infraestruturas e os equipamentos públicos.

Os obxectivos que se pretenden acadar con este contrato, son, entre outros, a redución de emisións acústicas e gases contaminantes, a racionalización do uso do automóbil privado e sosego do tráfico, a racionalización do transporte público e a precedencia de implantación de novas liñas, a implantación de alternativas de transporte viables, a potenciación de formas de mobilidade sostibles de peóns e bicicletas coa conseguinte mellora de seguridade, así como o estudio das áreas de aparcamento.

O contrato implica, en definitiva, a elaboración dun documento de referencia orientado a desenvolver políticas de mobilidade que reduzan emisións e que potencien o uso de formas de transporte máis sostibles, socialmente útiles, medio ambientalmente axeitadas e economicamente sostibles. Haberá de terse en conta a mellora da mobilidade e accesibilidade de forma eficiente e sostible nos núcleos urbanos e na conexión destes cos demais núcleos de poboación do municipio.

O plan crearase en base aos criterios e orientacións que determina a lei e as directrices de orde superior e tomará como referencia outros documentos estratéxicos e de planificación que interveñen sobre algún aspectos relativos á mobilidade, como o Plan de Ordenación Municipal do Concello de Ames. Para a elaboración do PMUS contémplanse os traballos distribuídos en varias fases fases que abranguen desde a recollida e clasificación da información para elaborar un análise de diagnóstico, a participación cidadá e a verificación dos problemas detectados até a elaboración definitiva do plan e as accións de difusión.