Dúas columnas AIR-TOOL-WAHS facilitarán o lavado, a reparación e o inchado de rodas aos/ás ciclistas de Ames. Investíronse 6.034 euros IVE incluído. O servizo, que poderá ser utilizado por toda a veciñanza de Ames, é gratuíto. Xa está instalada na Casa da Cultura do Milladoiro a primeira destas columnas e nestes días arranxaranse os problemas de presión de auga que agromaron tras a súa posta en funcionamento. A columna de Bertamiráns, que se emprazará no aparcadoiro da Telleira, estará colocada en breve. A iniciativa, que parte da Concellaría de Mobilidade, foi financiada con fondos municipais e ten como obxectivo facilitar o coidado das bicicletas a todas aquelas persoas que non posúen un lugar propio onde facelo.

A afección pola bicicleta en Ames non é nada novo, tal e como o reflicten os eventos que anualmente xiran en torno a este deporte -Día da bici, carreira do Pavo- e os clubs que reúnen aos e ás amantes deste deporte, como os Esfola Arrós ou Club Ciclista Ames. Emporiso, nos últimos meses esta afección medrou considerablemente e algúns establecementos quedaron sen existencias ao remate do tempo de confinamento. “Esta circunstancia -declara a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez- fíxonos pensar na necesidade de ofrecer un servizo a todos e todas aquelas ciclistas afeccionados que non posúen unha finca ou un quinteiro para poder coidar e manter a súa bicicleta en óptimas condicións. Pensamos ademais que no noso concello os ciclistas e as ciclistas adoitan pedalear por moitas sendas e as bicicletas consecuentemente énchense de po e de barro; para quen vive nun piso e non ten un terreo propio onde lavalas é moi complicado facer un bo mantemento delas”.

As columnas AIR-TOOL-WAHS adquiríronse en Bilbao, cidade paradigma en proxectos e actuacións que facilitan a mobilidade. Integran na mesma estrutura un sistema de inflado de rodas, unha estación de autoreparación e un sistema de lavado. Están fixadas a unha base de formigón que se nivela mediante catro ancoraxes de expansión. A estrutura é de aceiro inoxidable, pesa 36 quilos e posúe un sistema de inflado xiratorio antivandálico provisto dunha mangueira unida a unha bomba hidráulica. Compleméntase cun manómetro a presión e conta cun xogo de 8 ferramentas unidas á columna con cables de aceiro individuais extensibles. O sistema de lavado ofrece a posibilidade de personalizar o tempo de pulverización.

A primeira das columnas colocouse no Milladoiro, no aparcadoiro da Casa da Cultura e nestes días estanse arranxando algunhas eivas para que poida mellorar a presión da auga. A columna instalarase nos vindeiros días no aparcadoiro da Telleira, nun espazo que linda coa Avenida da Peregrina e está afastado das beirarrúas para que non salpique aos viandantes cando se estea a utilizar.

En breve, procederase tamén á sinalización deste servizo que é gratuíto e aberto a toda a veciñanza de Ames.