O Concello de Ames está traballando na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Unha das partes fundamentais para a elaboración do PMUS é a participación cidadá. Para iso vén de publicarse na web http://www.pmusames.gal/ unha enquisa sobre os hábitos de mobilidade da veciñanza de Ames. A través da web do PMUS infórmase das accións relacionadas coa elaboración e participación do Plan de Mobilidade. Tamén haberá sesións de participación, a través dos diferentes colectivos relacionados coa mobilidade, e pódese enviar comentarios e suxestións ao enderezo de correo electrónico: pmusames@gmail.com. Esta actuación forma parte do programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público, recollido na EDUSI Impulsa Ames.

O Concello de Ames está inmerso na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O servizo de redacción do PMUS está incluído dentro do Obxectivo Temático 4 de Cambio climático, da EDUSI Impulsa Ames, dirixido a “Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores”. Concretamente enmárcase na liña de actuación número 4: programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público.

A redacción de dito Plan está sendo realizada pola empresa IPLAN Movilidad SL. O PMUS é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sostibles dentro do municipio, é dicir, de modos de transporte que fagan compatibles o crecemento económico, a cohesión social e maila defensa do medio ambiente. Para redactar dito plan é fundamental coñecer os hábitos de mobilidade da veciñanza amesá. Para iso vén de publicarse unha enquisa na web http://www.pmusames.gal/ que estará activa ata o vindeiro 7 de maio.

Na enquisa hai que marcar a zona do concello de Ames onde se reside, o número de vehículos que ten cada unidade familiar e a súa tipoloxía, preguntas relacionadas coas viaxes que se realizan os días laborais (motivo e frecuencia das viaxes, modo de transporte principal, horarios, tempo total da viaxe, etc). Tamén se pregunta pola valoración da mobilidade a pé e en bicicleta no municipio e pola valoración do servizo de autobuses interurbanos que actualmente ofrecen servizo en Ames.

A realización desta enquisa únese aos traballos de campo, que comezaron esta semana, para a realización dunhas 300 enquisas a pé de rúa a usuarios/as do transporte público. Tamén se contabilizará o número de vehículos naquelas zonas do concello con maior volume de tráfico. Isto faise mediante a instalación de distintos tipos de aforos (con cámara e tubos pneumáticos).

 

Web PMUS AMES

 

A través da web do PMUS http://www.pmusames.gal/ infórmase das accións relacionadas coa elaboración e participación do Plan de Mobilidade. En dita web explícase que é un PMUS, as súas características, os seus beneficios, e as fases que se van a desenvolver para a elaboración de dito plan. Tamén haberá sesións de participación, a través dos diferentes colectivos relacionados coa mobilidade, e pódese enviar comentarios e suxestións ao enderezo de correo electrónico: pmusames@gmail.com.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “dende a Concellaría de Mobilidade preténdese mellorar a calidade de vida da veciñanza amesá, establecendo un cambio na forma tradicional de entender o espazo público no que o vehículo privado era o protagonista e toda a planificación urbana xiraba en torno a el. Na actualidade, esta concepción esta a cambiar, ligada a dous conceptos fundamentais como son a mobilidade, cada vez movémonos máis e máis lonxe, e  a sostibilidade, polo gran impacto que teñen as actividades humanas no medio ambiente. A partir destes conceptos xurde a necesidade dunha nova planificación urbana colocando como elemento central ás persoas”.

Beatriz Martínez destaca tamén que “para poder acadar este obxectivo precisamos da vosa participación, un PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) provoca un cambio, no espazo público, no funcionamento das cidades, na vida das persoas… dende a busca de modos de transporte máis eficientes e menos contaminantes ata a creación de espazos urbanos seguros, eficientes e atractivos. En definitiva, precisamos integrar a todos os axentes involucrados, comerciantes, estudantes, transportistas, crianzas… e entre todos estes actores o máis importante sodes vos: a cidadanía. Por iso solicitamos a vosa participación, a través das enquisas que se realizarán, para que entre todos e todas fixemos as bases do espazo urbano no que queremos vivir de aquí en diante”.